A Brilat volve ao campamento de Parga para realizar exercicios de instrución
Os efectivos da Brilat volven realizar manobras no campamento de Parga, en Guitiriz, que xa se encontra ao 50 por cento da súa capacidade. Atrás quedan dous meses de confinamento en que os militares participaron na operación Balmis. Entre os servizos que prestaron, figuran os labores de control de rúas e de fronteiras e mais os de descontaminación de residencias.
"Tarefas de axuda aos corpos e forzas de seguridade do Estado en canto a presenza en localidades de toda a comunidade galega e descontaminacións de residencias e de centros hospitalarios, ademais de colaborar coa Garda Civil na fronteira con Portugal", explica Alberto Roa, capitán do Exército de Terra.
En Parga están acampados actualmente uns 170 efectivos da Brilat. Para evitar contaxios, non baixan a garda, polo que toman diferentes medidas, como controlar a temperatura corporal ou desinfectar as instalacións.
"A principal medida hixiénico-sanitaria que temos implementada é a distancia social de dous metros, ademais do uso de máscaras e pantallas en sitios pechados, tanto vehículos como edificios, o emprego de luvas e de xeles desifectantes de mans e extremar as medidas hixiénicas", di o capitán Roa.
Os exercicios que están a realizar os efectivos da Brilat en Parga están dirixidos a adestrarse para integrar unha forza conxunta da OTAN cualificada de moi alta dispoñibilidade.
Alberto Roa, capitán do Exército de Terra: "Estamos aquí para facer cumprir un dos compromisos internacionais de España coa VJTF (Very High Readiness Joint Task Force) da OTAN. Entón estamos a realizar unhas manobras para integrarnos nesta brigada multinacional con tarefas de instrución, combate en poboación, guerra convencional, instrución motorizada con todo tipo de vehículos e asistencia sanitaria en combate".
O de Parga é o campamento de referencia do Exército de Terra en todo o ámbito estatal para as unidades que operan en bosques.