CRTVG

Buscar

A borrasca Gloria causa nove mortos ata o momento no leste peninsular

Publicado o 22/01/2020 20:44

A borrasca Gloria está causando serios estragos en todo o leste español. Ata o momento son oito as persoas mortas a causa das inundacións e os derrubamentos. A cifra podería aumentar xa que se están a buscar varios desaparecidos, tres deles nas Baleares, unha das zonas máis afectadas. Hoxe os servizos de emerxencia de Alacante atopaban o cadáver dun home que foi arrastrado dentro do seu coche pola forza da auga.


En Cataluña, onde hoxe se estableceu a situación de emerxencia, trescentas persoas tiveron que ser evacuadas polo rebordamento do río Tordera na localidade de Massanes, en Xirona. O desbordamento do río Tordera tamén estragou a liña ferroviaria entre Blanes e Malgrat, que podería quedar inutilizada entre seis e nove meses. Tamén hai moita preocupación pola enchente do río Ter ao seu paso por Xirona. Os danos no litoral catalán son cuantiosos, o Delta do Ebro quedou literalmente engulido e os estragos en Barcelona son históricos. No interior do leste peninsular é a neve a que está complicar a situación e veciños de numerosas vilas levan varios días practicamente illados, facéndose necesaria a intervención da UME.

As previsións apuntan que a intensidade da borrasca tende a diminuír, pero con todo para esta tarde agardábanse precipitacións entre cincuenta e cen litros por metro cadrado, sobre todo en Cataluña.
 

Noticias web

22/01/2020