CRTVG

Buscar

A borrasca Filomena golpea toda España e obriga a activar o plan de emerxencias

Publicado o 07/01/2021 21:09

O encontro entre a borrasca Filomena e unha masa de aire polar deixa, en boa parte da Península, temperaturas xélidas, de ata -17 graos, e fortes nevaradas. No centro e no leste agárdanse acumulacións de ata 20 centímetros de neve en cotas baixas.

Activada en España a situación de emerxencia por temporal de frío e neve. Nesta fase preventiva, o Ministerio do Interior pon en marcha todos os sistemas de información e alerta dispoñibles e constitúe o Centro de Coordinación Operativa.

"Onde están distintas institucións da Administración Xeral do Estado concernidas e onde se toman as medidas necesarias e precisas de coordinación", explica o ministro Fernando Grande-Marlaska.

Interior pide responsabilidade e a Dirección Xeral de Tráfico: deixar o carril esquerdo para que circulen as máquinas quitaneves e os servizos esenciais.

"Intenten na medida do posible deixar libre o carril esquerdo nas vías de alta ocupación", reclama Pere Navarro, director da DXT.

O temporal provocou este xoves máis de duascentas incidencias na rede viaria e cortes en 45 estradas secundarias. Tráfico recomenda evitar no posible os desprazamentos en coche porque as nevaradas copiosas van continuar. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, este venres as folerpadas serán intensas en cotas baixas no centro e no interior leste da península.

Por mor do temporal, algunhas comunidades decidiron aprazar ao luns a volta ás clases.  É o caso de Castela-A Mancha, onde está previsto que se rexistren xeadas e nevaradas intensas nas próximas horas. Varios municipios da Comunidade Valenciana e da Rexión de Murcia tamén van retomar o curso lectivo o día 11. Do mesmo xeito Canarias, onde se están a rexistrar chuvias persistentes, pospuxo ata o luns o regreso ás aulas.

Noticias web

07/01/2021