A borrasca deixa chuvia intensa na provincia de Pontevedra
Publicado o 11/02/2021 14:53
A chuvia intensa en Caldas de Reis temperaba esta mañá as cálidas augas termais. Chove sobre mollado e os veciños xa están afeitos. O paraugas xa se fixo un complemento indispensable para saír á rúa.
O río Umia ao seu paso por Caldas baixa con forza e con gran volume de auga, pero non se teme un desbordamento. A chuvia dificulta as tarefas diarias, pero tamén axuda a que a xente quede na casa.
As previsións apuntan a un empeoramento a partir do mediodía, con fortes precipitacións que poderían superar os 40 litros por metro cadrado.