A bolsa de Madrid, entre as que menos soben tras o plan de reapertura de Trump

O IBEX 35 anotou un rebote do 1,66% na sesión deste venres, aínda que non foi suficiente para recuperar a cota dos 7.000 puntos e o balance semanal lanza un descenso do 2,76%. O selectivo pechou nos 6.875,8 puntos, nunha xornada marcada polos plans do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, de reapertura do país norteamericano e polos posibles avances dun fármaco da compañía Gilead Sciences contra o coronavirus.
Trump presentou un plan de tres fases para reabrir Estados Unidos no marco da pandemia do coronavirus e permitirá aos gobernadores tomar decisións a este respecto baseadas nas súas necesidades individuais porque "os estados son diferentes".
"Baseándonos nos últimos datos, o noso equipo de expertos está de acordo en que podemos comezar coa seguinte fronte da nosa guerra, que chamamos 'Abrir América de novo'", asegurou.
Así mesmo, este venres os investidores coñeceron que o Produto Interior Bruto (PIB) de China caeu un 6,8% no primeiro trimestre deste ano, o que supón a primeira contracción da economía asiática desde 1976, como consecuencia da pandemia do coronavirus, e que a inflación da zona euro moderouse en marzo ao 0,7%, en mínimos desde outubro de 2019.
As bolsas europeas presentaron avences do 2,82% en Londres, do 3,42% en París, do 3,15% en Frankfurt e do 1,71% en Milán.