CRTVG

Buscar

A banco xenético do CSIC conserva 100 tipos de millo galego autóctono

Publicado o 03/05/2021 13:30

Que siga habendo sementes de millo, estudalas e ilas adaptando e mellorando xeneticamente para evolucionar con este cereal. É a finalidade do banco de xermoplasma e do persoal investigador na Misión Biolóxica de Galicia. Xa obtiveron material resistente á praga do taladro e, entre outros, están a estudar como madura unha vez que se recolle a mazaroca para que a planta siga verde e utilizala máis tempo de forraxe. A eficiencia no cultivo ten a esencia neste banco de sementes.

"A súa importancia, o que máis valor ten del son esas 200 poboacións de millo de España. Temos 100 de Galicia e as outras cen do resto, incluíndo as illas", explica Amando Ordás Pérez, profesor de investigación ad honórem na Misión Biolóxica de Galicia e engade que "esas variedades, especialmente as galegas, son un reservorio de xenes para unhas condición de cultivo moi específicas e moi propias da agricultura galega o que non quita que sexan xenes útiles para outro sitio, Aragón, Francia, os Estados Unidos".

O profesor Ordás é testemuña de como unha variedade galega ten a súa parte de protagonismo nun composto xurdido nos Estados Unidos: "Vendo unha das poboacións que desenvolveron (nos Estados Unidos) para aumentar a variedade xenética estaba unha galega que eu enviara a un colega de alí que era a variedade Viana que eu, mais a miña sogra, recollera moitos anos atrás. Este investigador americano pedírame material español precoz que tivera certo interese e eu deille esta. A sorpresa é cando dez, quince, vinte anos despois vexo as poboacións que compoñen ese composto e vexo alí Viana. Digo, mira, onde foi parar a variedade de Viana. Viana do Bolo, da provincia de Ourense".

Lograr millo resistente á seca do verán ou variedades con maior vigor temperán son outros obxectivos dos investigadores que ten o CSIC no centro de Salcedo, en Pontevedra.