CRTVG

Buscar

A balea azul volve ás Cíes por "morriña" das augas galegas

Publicado o 12/08/2021 13:20

Chegou a primeira balea azul da tempada. Avistárona preto das Cíes. Os espertos din que veñen algo máis tarde porque o tempo non acompaña e o alimento que perseguen aínda non chegou tampouco. O que si aseguran é que estes grandes cetáceos teñen morriña da costa galega.

Unha balea azul vén a Galicia, do mesmo xeito que outros animais, para alimentarse. Pero hai algo que as trae ata as nosas augas que só teñen elas. A capacidade para lembrar e vincularse a través de emocións cunha rexión do planeta. Este comportamento ten fascinado aos biólogos e representa unha verdadeira incógnita.

Bruno Díaz López Biólogo, director da Asociación BDRI: "Estase vendo que os animais escollen o lugar en base a experiencias precedentes, pode ser que estas baleas están regresando porque tiveron unha boa experiencia nos anos pasados. Por iso falamos dese concepto de certa morriña, por ter unha boa experiencia e a queiran repetir".

Na campaña de observación BALAENATUR II estudan a relación entre as baleas e os fenómenos oceanográficos ligados ao cambio climático. Conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A ausencia dos xigantes do océano por estas datas representa unha evidencia de que viven en sintonía co medio mariño e que en canto cambian as condicións físicas do mar detéctano ao momento. Por iso é polo que son considerados como excelentes indicadores do cambio climático. O cambio de tempo dos últimos días permitiu que sopre o vento do norte e actívense os afloramentos de augas frías e produtivas. Se a situación segue así, sería o reclamo necesario para atraer as baleas ata a costa galega.

Bruno Díaz López Biólogo, director da Asociación BDRI: "Estes días estamos tendo tempo máis típico para este período do ano, pero a semana pasada estaba a chover. Son condicións diferentes que afectan ao estado do noso mar e provoca que certos animais cheguen mais tarde para alimentarse porque o alimento vai tardar mais tempo en estar presente".

Nos últimos cinco veráns rexistráronse varios avistamentos de balea azul nas augas galegas, algo que levou á comunidade científica a concluír que está a regresar ao que un día foi o seu fogar, antes de que empezase a caza indiscriminada.

Noticias web

12/08/2021