CRTVG

Buscar

A baixada das temperaturas trae alerta laranxa no mar e neve na montaña

Publicado o 03/12/2020 13:43

Comeza a chegar a Galicia a masa de aire frío. Xa esta noite houbo xeadas en zonas de interior, con mínimas por debaixo dos cero graos. Hoxe teremos ceos anubrados con chuvascos máis xeneralizados durante a tarde. Pola noite a cota de neve estará entre os 800-1.000 metros, pero aínda baixará máis.

Ata hai ben pouco gozamos duns días solleiros que invitaban a estar por fóra con temperaturas arredor dos 20 graos. Ese panorama cambia radicalmente, con temperaturas míminas que chegan aos cinco graos baixo cero e máximas que non superarán os seis, principalmente nas zonas de montaña e no interior.

Unha borrasca centrada sobre as illas británicas e con aire frío nas capas medias e altas da atmosfera ten a culpa. Na rúa xa se nota.

Ana Lage, metereóloga de Meteogalicia, di que "imos estar con cotas sobre os 500 ou 600 metros durante a xornada de mañá. Isto dá unha situación de moito frío e precipitacións de neve nas zonas altas de Lugo, Ourense e Pontevedra, que poden acumular totais de entre 5 e 20 centímetros na montaña".

A situación tamén estará complicada no mar a partir do serán, con alerta laranxa. Intensifícase moito o vento. Especialmente no litoral norte, con ventos de compoñente oeste, con forza 7 e chegará a 8, co que sería aviso laranxa por mar de vento. E ademais o mar de fondo vai ser importante, con ondas de 7 ou 8 metros de altura.

Ollo coa sarabia, que poderá causar problemas mañá venres e o sábado continuaremos co frío. Así agárdase unha xornada de ceo moi nubrado con chuvascos máis frecuentes e persistentes na metade norte, que serán de neve a partir dos 700 ou 900 metros.

Noticias web

03/12/2020