CRTVG

Buscar

A Axencia Europea do Medicamento dará hoxe o seu veredicto sobre a vacina de AstraZeneca

Publicado o 18/03/2021 08:49

Na Axencia Europea do Medicamento debaterase hoxe, nun encontro virtual, se a vacina de AstraZeneca puido ter algunha relación causal con varias tromboses dun tipo específico sufridas por cidadáns europeos tras recibiren o fármaco. España informou de tres casos. O máis grave, o dunha muller de Marbella, profesora de 43 anos, que morreu por un ictus trece días despois da inxección.

A directora da Axencia Europea do Medicamento xa dixo o martes que estaban convencidos de que os beneficios desta vacina superan os riscos. No Ministerio de Sanidade chaman á tranquilidade e insisten en que son só tres casos entre 980.000 vacinados. Á espera do informe que previsiblemente se coñecerá hoxe, as autoridades españolas están á expectativa.

Mentres o uso da vacina de AstraZeneca está suspendido en máis dunha decena de países europeos, a Unión quéixase de que non cumpren o acordado na subministración das doses. Úrsula Von der Leyen ameaza con medidas excepcionais, como suspender as exportacións, apuntando cara ao Reino Unido.

Ao noso país chegaron en total máis de sete millóns e medio de vacinas. Delas, 950.000 de AstraZeneca agardan ao que se decida para ser utilizadas. 

Noticias web

18/03/2021