CRTVG

Buscar

A Axencia do Medicamento advirte de que non todos os xeles son desinfectantes

Publicado o 24/11/2020 14:40

Os desinfectantes para as mans son, hoxe en día, un produto de uso común. Pero non todos son igual de eficaces. A concentración de alcol é o factor determinante: se é inferior a 60 graos, o xel deixa de ser desinfectante para converterse nun simple xabón.

Nestes momentos en que o xel hidroalcólico se converteu nun produto de uso cotián xorden as dúbidas de cal é o máis axeitado, porque non todos son iguais.

"Si, si, eu utilízoo, non son acérrima pero utilízoo". "Para ir por aí, a calquera lado. Ben, para ir sachar non!", comentan dúas veciñas.  

"Hai unha diferenza abismal: hai algúns que parece que repelen, outros que son coma chicle, que se pegan á man", subliña un veciño.

Para que teñan efecto desinfectante han de levar alcol nun grao de concentración superior a sesenta. A augardente, por exemplo, non vale, porque ten menos alcol.

Guillermo Freire, farmacéutico: "O ideal son 70. Máis concentración tampouco é recomendable porque o alcol evapórase moi rápido e precisamos que estea na man facendo o seu traballo entre 15 e 30 segundos".

No seu laboratorio farmacéutico de formulación, Guillermo elabora xel hidroalcólico. Empezaron durante o confinamento da primeira onda, polo desabastecemento do mercado. Non levan a etiqueta de "desinfectante" ou biocida porque iso requiriría outro proceso.

Guillermo Freire, farmacéutico: "Se na etiqueta pon "virucida", a empresa tivo que coller unha cepa de covid-19 e demostrar que, efectivamente, o mata. Como a maioría dos fabricantes de xel non teñen tantos cartos para facer estes estudos, teñen que etiquetalo como xel hixeneizante, pero iso non significa que non faga o seu traballo".

A Axencia Española de Medicamentos distingue entre xeles cosméticos, que só limpan, coma o xabón, e antisépticos, os homologados como desinfectantes.

Noticias web

24/11/2020