A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue pide axuda para aumentar as reservas de 0+
En 2018 alcanzáronse en Galicia as 106.000 doazóns de sangue, o que deixa unha taxa de 39 por cada mil habitantes e ano. Estamos por riba da media de España, pero non chegamos ao mínimo que recomenda a organización mundial da saúde.
Esta mañá coincidimos no punto de doazon de Santiago con Pilli, Margarita e Jesús, tres membros dunha familia sempre dispoñible á doazón, tamén de plaquetas.
"Vimos sempre xuntos. Levamos vinte anos, polo menos, vindo a doar plaquetas cada certo tempo; creo que son catro meses. Isto é sinxelo. Hai que ser un pouco solidario. Ademais vimos moi contentos. Trátannos moi ben".
Son da comarca compostelá e moi preto está o concello de maior participación de Galicia á hora de doar sangue. É o de Padrón, que mantén un índice de 105 doazóns por mil habitantes e ano. A Guarda, A Pobra de Trives e Meira tamén destacan como líderes provinciais cos seus niveis de 73, 66 e 44, respectivamente.
As reservas nos bancos de sangue son fundamentais para a atender operacións en hospitais, polo que iso require a acción de doadores.
Marisa López, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue: "As reservas de sangue en Galicia están nuns valores considerados normais, aínda que tras a Semana Santa as de cero positivo están un pouquiño máis baixas do desexable".
Polo xeral, quen acode doar sangue comproba que é unha acción sinxela e satisfactoria.
"Somos seis irmáns e cinco doamos. Nós sempre vimos xuntos e os demais, cando poden. Recoméndollo a todo o mundo; é un acto solidario e cando saes da doazón dis: pois fixeches algo polos demais".
Pódese doar sangue no hospital ou nas unidades itinerantes da Axencia de Doazón.