CRTVG

Buscar

A avaría nun transformador deixa Ribeira sen luz durante o domingo

Publicado o 30/09/2019 13:36

Os habitantes de Ribeira quedaron sen luz este domingo contra as dúas e media da tarde. A falta de corrente eléctrica afectou catro mil abonados residentes no núcleo urbano. Ademais dos particulares, os máis prexudicados foron os negocios de hostalería. Noutros establecementos que estaban pechados por ser domingo saltaron os avisos das alarmas.

Os bombeiros tiveron que intervir para axudar unha señora que quedara atrapada no ascensor dun edificio.

Óscar Casais, sarxento xefe dos bombeiros de Ribeira explica que "cando chegamos, comprobamos que estaba á altura do primeiro piso do edificio. Era unha muller que, en principio, non tiña máis problemas. Non había subministración eléctrica. Abrimos o ascensor e puido saír sen maior problema". 

Segundo a empresa Naturgy, a maioría dos afectados, un 92 por cento, recuperaron a subministración eléctrica contra as catro da tarde, unha hora e media despois do apagamento. A causa do corte da luz é unha avaría neste transformador, onde os técnicos traballaban esta mañá apoiados por un grupo electróxeno para darlles servizo aos clientes que dependen desta instalación.

Noticias web

30/09/2019