CRTVG

Buscar

A autocita para mozos de 12 a 19 anos só cubriu 5.000 das 25.000 prazas dispoñibles

Publicado o 30/08/2021 14:06

A cifra é significativa, pero non satisfai os promotores da campaña, que agardan cubrir un número de ocos 5 veces maior. Había 25.000 ocos dispoñibles, para hoxe e para mañá, para esas persoas de entre 12 e 19 anos, e, de momento, só se cubriron 5.000. É unha resposta moito máis feble que as anteriores convocatorias da autocita, 42.000 prazas que se cubriron case de inmediato. Ante esta situación, o Sergas prolonga os prazos. De momento é posible aínda pedir cita para mañá para as persoas de entre 12 e 19. Mantense aberta esa posibilidade, esa web, esa aplicación Sergas Móbil para pedir cita mañá.

Ademais, desde o Servizo Galego de Saúde lembran que as persoas que pasaron a enfermidade non teñen que esperar nin seis meses nin sequera un ano para vacinarse, senón que poden pedir autocita e vacinarse en canto teñan a alta epidemiolóxica.

Algúns non foran convocados porque os seus datos non figuraban actualizados na base do Sergas. A outros si os avisaran, pero non puideron ir, por moi diversas razóns.

Os de entre 12 e 19 que xa volveron de vacacións poden pedir cita hoxe mesmo para mañá. Os que pasaron a covid, en canto teñan a alta e abóndalles unha dose, e os que foron contacto de positivos poden vacinarse en canto remate a corentena. O Sergas pretende dar facilidades para que todos estean listos ao inicio do curso.

Que a información de que está aberta a autocita non lles chegou a moitos neste mes de vacacións é quizais unha das razóns de que, de momento, se cubrise só unha quinta parte das prazas ofertadas.

Sóbranlles razóns para vacinarse, e para lucir despois orgullosos a marca de contribuír a rematar coa pandemia.

Noticias web

30/08/2021