CRTVG

Buscar

O Goberno estuda un calendario razoable para demoler a factoría de Ence

Publicado o 19/10/2021 17:42

• A Audiencia Nacional sentenza de novo que se debe anular a prórroga concedida á factoría de Lourizán

O Goberno estuda un calendario razoable para demoler a factoría de Ence

A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional emitiu outro fallo no que estima o recurso da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e anula a prórroga da concesión a Ence en Pontevedra, que foi concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións. Está en consonancia co xa sentenciado o pasado verán a raíz, nese caso, dos recursos de Greenpeace e o Concello de Pontevedra.

Precisamente, no fallo remítese aos fundamentos xurídicos dos recursos previos, debido a "razóns de unidade de doutrina e seguridade xurídica". Neses casos, a sala xa consideraba que a resolución de 20 de xaneiro de 2016 da directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar non xustifica, como esixe a Lei de Costas, que a papeleira, pola súa natureza, non poida ter outra localización. Así, a Audiencia indica que de acordo coa proba pericial practicada despréndese que a auga doce, nun determinado volume, é un recurso necesario e imprescindible para o proceso produtivo das plantas de pasta de papel Kraft con branqueo, como a de Ence Pontevedra, así como a proximidade a recursos hídricos (auga salgada ou doce) para a evacuación da vertedura, "pero non que ditas plantas pola súa natureza ou configuración, teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre, que é o que esixe o artigo 32.1 da Lei de Costas". De feito, a de Lourizán é a única fábrica de celulosa de España que está en dominio público marítimo-terrestre. 

Fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxicas explican a Europa Press que esta nova sentenza "veu a apoiar, como xa o fixesen as dúas de xullo, a posición mantida polo Goberno. Esta sentenza é susceptible de recurso de casación ante o Tribunal Supremo. O ministerio sinala que, "a efectos prácticos, isto o que leva é que Ence, de chegar a adquirir firmeza a sentenza da Audiencia Nacional, carecerá de título para a ocupación do dominio público marítimo terrestre" da súa planta de Pontevedra.

Así, anúlase a prórroga e "pecha a porta a que se tramite de novo". Este departamento considera que "o que procede, de acordo coa normativa de costas, é que o Ministerio se pronuncie sobre o destino das instalacións, previamente á reversión dos terreos ao Estado". Nese pronunciamiento sobre destino de instalacións, pódese expor a Ence unha saída ordenada e un calendario razoable de demolición, como se fixo coa veciña instalación de Elnosa, que está a ser actualmente demolida sen incidencias, resaltan por parte do Ministerio.

Noticias web

19/10/2021