CRTVG

Buscar

A Audiencia Nacional absolve a Josep Lluís Trapero

Publicado o 21/10/2020 08:58

A Sección Primeira da Audiencia Nacional decidiu absolver por maioría dos votos do tribunal o major dos Mossos d'Esquadra Josep Lluís Trapero do delito de sedición do que fora acusado e polo que lle reclamaban 10 anos de cárcere.

Os maxistrados da Audiencia tampouco aceptan na súa sentenza a alternativa de desobediencia que reclamou a Fiscalía da Audiencia Nacional, que consideraba que a súa actuación era "indispensable" para que se puidese celebrar o referendo do 1-O, como paso previo á declaración da independencia de Cataluña. 

O Ministerio Público tamén o facía responsable de non frear as protestas do 20 de setembro, previo á celebración do referendo independentista, mentres a Garda Civil realizaba rexistros para frear a organización da consulta.

As partes están citadas este mércores á mañá para que lles notifiquen a sentenza, que tamén absolve a intendente Teresa Laplana e os xefes políticos do corpo policial César Puig e Pere Soler.