CRTVG

Buscar

A Audiencia de Pontevedra autoriza un pai a vacinar os fillos ante a negativa da nai

Publicado o 27/08/2019 17:35

Un veciño de Vigo poderá vacinar os seus  fillos a pesar da negativa da súa ex-muller a facelo. Un auto da Audiencia de Pontevedra dálle a razón en base ao interese dos menores e a razóns de saúde pública desestimando o recurso presentado pola nai en que alegaba á voluntariedade da vacinación en España. A decisión segue a corrente doutras resolucións europeas que en casos similares tamén priorizan os beneficios da vacinación infantil.

Os feitos remóntanse a xuño de 2018. Un veciño de Vigo solicitou autorización xudicial para poder vacinar os seus fillos menores, de sete e once anos de idade, ante a negativa da súa ex-muller a facelo.

En primeira instancia a xustiza deulle a razón ao pai. Unha sentenza contra a que recorreu a proxenitora, alegando a voluntariedade da vacinación en España. Agora, a Audiencia Provincial acaba de desestimala e ratifica en segunda instancia unha decision xudicial que se basea na defensa do interese dos menores e en razóns de saúde pública.

O Ministerio Fiscal tamén apoiou esta decisión que segue a corrente doutras sentenzas europeas recentes que, sen discutir o dereito dos proxenitores a defender as crenzas ou a educación que estimen oportunas para os seus fillos, sempre que non resulten prexudiciais, priorizan o interese dos nenos sobre calquera outro argumento en casos similares ao de Vigo.

Noticias web

27/08/2019