CRTVG

Buscar

A Audiencia de Lugo decreta o arquivamento do caso Garañón

Publicado o 03/02/2021 13:17
A Audiencia de Lugo decreta o arquivamento do caso Garañón

A sección segunda da Audiencia provincial de Lugo , acorda o "sobresemento provisional" e "arquivamento das actuacións" no coñecido como caso Garañón, onde figuraban como investigados o exalcalde José López Orozco e o que fora secretario xeral dos socialistas galegos e presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

A resolución da Audiencia prodúcese en resposta ao recurso formulado polas partes con respecto ao auto dictado pola xuíza Pilar de Lara para continuar a tramitación das dilixencias previas mediante o correspondente procedemento abreviado.

A Audiencia precisa que o auto recorrido "alude a unha trama urbanística urdida por unha especie de organización ou grupo criminal", que "despregaba no ámbito das súas respectivas competencias, diversas accións, en connivencia entre todos eles, para favorecer a determinados construtores en prexuízo dos demais e por ende da propia cidadanía".

Con todo, a sala entende que xa ese "primeiro suposto carece da base suficiente para poder afirmarse aínda en termos indiciarios".

De feito, precisa que "aínda na gran parte dos supostos non existe relación persoal algunha, directa ou indirecta, entre eles", de modo que "ese suposto concerto falla no seu presuposto preliminar".

Reaccións do PSdeG

A Secretaria Provincial  do PSOE de Lugo valorou que "por fin se fixo xustiza" co arquivo do caso O Garañón, que investigaba unha suposta trama de corrupción urbanística co  exlíder do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro e o exalcalde da cidade amurallada José López Orozco como investigados.

Así, o PSOE da provincia de Lugo manda "un abrazo moi afectuoso" a Besteiro e Orozco, que "fixeron un espléndido traballo no Concello". "Sempre tiveron o noso recoñecemento e, tras anos de inxustas acusacións, por fin a súa imaxe quedou reparada", valora.

"Sodes un orgullo para todos os socialistas", agrega. Considera que o arquivo demostra que as denuncias "eran completamente infundadas e poñen ao descuberto a quen durante estes anos tratou de sacar rédito político, cuestionando a xestión do socialismo no Concello, e no nome das persoas inxustamente implicadas".   

"O arquivo é unha enorme satisfacción para todos os socialistas de Galicia, pero aínda é máis especial se cabe para todos os socialistas da provincia de Lugo", sinala nun comunicado. Por iso, o PSOE lucense chama a "reflexionar" tras "varios anos de acusacións infundadas, do dano político e profesional inflixido a dous servidores públicos impecables".