CRTVG

Buscar

A Audiencia da Coruña confirma que o pazo de Meirás é propiedade do Estado

Publicado o 12/02/2021 16:26

• Declara inexistente a doazón de 1938 e nula a escritura de compravenda de 1941 | A Administración deberá, con todo, indemnizar os Franco polos gastos de conservación dende 1975

A Audiencia da Coruña confirma que o pazo de Meirás é propiedade do Estado

A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña ratifica a titularidade pública do pazo de Meirás, tal e como decretara o Xulgado de Primeira Instancia número 1 o pasado mes de setembro.

O tribunal sostén que o inmoble nunca estivo a nome de Francisco Franco porque a doazón de 1938 que consta nun pergamiño "non é un título hábil para recoñecer a transmisión". Tamén declara nula a escritura de compravenda de 1941 pola que supostamente lle venderan o pazo ao ditador.

Na sentenza, que responde ao recurso de apelación presentado pola familia Franco, condena os herdeiros a desaloxar as propiedades e ordena a cancelación das inscricións rexistrais sobre os predios.

Porén, recoñece o seu dereito a seren resarcidos nos gastos en que incorreron dende 1975, tras a morte do ditador, para conservar o edificio.

Os xuíces descartan "mala fe" na posesión por parte dos demandados. Consideran que nunca foron requiridos pola Administración para entregar o pazo e que "levan máis de catro décadas utilizándoo de xeito público, pacífico, ininterrompido e en concepto de donos".