CRTVG

Buscar

A Audiencia de Lugo avala a apertura de xuízo oral contra a nai de Desirée

Publicado o 27/04/2021 15:01

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo avala, tal e como decretara o Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba, o peche da investigación e a apertura de xuízo oral contra Ana Sandamil, acusada de matar a súa filla Desirée de sete anos en Muimenta, no concello lucense de Cospeito, o 3 de maio de 2019.

O tribunal rexeita os recursos presentados polas partes, que solicitaban a práctica de novas dilixencias antes de dar por concluída a investigación, e confirma o auto ditado pola xuíza instrutora.

Considera que ningunha das dilixencias pretendidas pode considerarse imprescindible para a apertura do xuízo oral. Porén, lembra que, de seren consideradas salientables, “poderán reiteralas no trámite de cuestións previas”.

Entre as dilixencias solicitadas están a reconstrucións dos feitos, a ampliación do informe de Criminalística ou unha nova avaliación do persoal psiquiátrico asignado á investigada no centro penal de Teixeiro.

Porén, a Audiencia estima relevante trasladarlles ás partes o anexo dixital do informe sobre o contido dos teléfonos, da tarxeta Sim e da tableta, así como as probas psicométricas que lle realizaron a Ana Sandamil no HULA e no Imelga.