A Audiencia absolve o ex-alcalde de Ourense condenado por prevaricación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense acordou absolver o ex-alcalde socialista na cidade de Ourense entre os anos 2007 e 2012, Francisco Rodríguez, condenado en primeira instancia por un delito de prevaricación a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público pola prórroga dunhas contratacións baixo a modalidade de asistencias técnicas.
Xunto a el, a mesma sala da Audiencia decidiu absolver tamén dous ex-concelleiros, Áurea Soto (PSOE) e Fernando Varela (BNG), e o ex-director xeral de Rehabilitación Urbana, Xosé Carballido.
As penas foran impostas polo xulgado do Penal número 2 da cidade en febreiro de 2018 por entender que a súa actuación non era "unha mera irregularidade administrativa", senón que constituía unha "contravención legal grave" da norma.
As defensas recorreron a resolución despois de denunciar un xuízo "político" e a sala da Audiencia deulles finalmente a razón.
Segundo o ditame facilitado por fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o tribunal considerou que "aínda que é certo que a actuación dos acusados contraveu a normativa e puideron incorrer nunha irregularidade, e mesmo nunha ilegalidade administrativa, por contravir os límites contemplados para os contratos menores, non merece reproche penal".
Os maxistrados entenden que "non é suficiente que unha resolución administrativa sexa contraria a dereito para que a súa emisión constitúa un delito de prevaricación".
"O control de legalidade dos actos da Administración corresponde basicamente á xurisdición contencioso-administrativa e non tería sentido, desde a conceptuación do dereito penal como última ratio, unha sistemática criminalización dos actos administrativos que non fosen adecuados a dereito ou implicasen desviación de poder", argumenta a Audiencia no seu ditame.
Os maxistrados lembran que a xurisprudencia da sala unicamente considera inxusta unha resolución administrativa, a efectos de declarala penalmente típica, cando a ilegalidade sexa "evidente, patente, flagrante e clamorosa".
Neste caso, segundo os maxistrados, "non resultou patente que a conduta dos acusados fose produto da arbitrariedade".
Para a Audiencia, "a mera pasividade" por parte dalgún dos condenados "non pode ser constitutiva de delito", á vez que esgrime que esta actuación "resultaría xustificada pola situación do Concello, pois existía un interese público en manter os contratos e evitar o risco de perder as subvencións".
A absolución súmase ás de Iolanda Pérez Docampo e Xosé Somoza, que estiveron inicialmente acusados por estes mesmos feitos.