CRTVG

Buscar

As cámaras intelixentes da zona vella de Santiago espertan receo na veciñanza

Publicado o 03/10/2021 13:18

O proxecto para a instalación de 39 cámaras intelixentes na zona vella de Santiago esperta reticencias entre a veciñanza. O seu cometido é controlar o acceso á parte histórica da cidade.

Identifican a matrícula e o modelo de vehículo, o seu tamaño, o seu peso, a empresa á que pertence e se cumpre as condicións da carga e descarga. A asociación veciñal Fonseca cuestiona o impacto visual sobre o patrimonio. Segundo explica o seu presidente, Roberto Almuíña, tamén lles preocupa que os dispositivos poidan interferir na intimidade da cidadanía.

As cámaras intelixentes forman parte do proxecto SmartSantiago, financiado na súa maior parte con fondos europeos. O seu obxectivo é mellorar a mobilidade urbana. Desde un centro de datos vanse analizar todo os movementos que rexistren tanto de vehículos coma de peóns para anticipar problemas de mobilidade antes de que se produzan.

O Concello asegura que está garantida a intimidade dos cidadáns, xa que as cámaras non rexistrarán fachadas nin ventás de edificios e ademais inclúen un software para difuminar as persoas.

Noticias web

03/10/2021