CRTVG

Buscar

Arturo Maneiro, premio Diego Bernal por facer crecer os medios de comunicación públicos galegos

Publicado o 23/09/2021 19:06

EFE/ Xoán Rey

EP

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) entregou o galardón Diego Bernal, co que se premia a traxectoria profesional, a Arturo Maneiro "polo servizo ao seu país" mediante o xornalismo e, máis concretamente, a través dos medios públicos de comunicación, como referiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O acto, que tivo lugar este xoves no Hotel Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, contou coa presenza de numerosos profesionais do xornalismo galego. Entre eles, Alfonso Cabaleiro, director-xerente de Galicia Calidade e exsecretario de Comunicación da Xunta en 2003-2005 e 2009-2012, que presentou o galardoado.

Cabaleiro repasou parte da vida profesional, e tamén persoal, de Maneiro, de quen destacou "a súa vocación, o seu rigor informativo e a súa coherencia, así como o seu empeño na promoción de mulleres xornalistas". Ademais, comentou, Maneiro "empeñouse" en crear unha asociación de xornalistas en Galicia e, máis adiante, un órgano colexiado.

Arturo Maneiro, pola súa banda, encomendou aos compañeiros "seguir traballando nunha profesión emocionante", antes de recibir o premio (unha cuncha de vieira de prata) de mans do titular da Xunta. Ademais, a asociación tiña preparada, como obsequio sorpresa, un libro en que xornalistas de renome de Galicia e compañeiros do galardoado, repasan a súa traxectoria, facendo fincapé no seu impacto "persoal e profesional" no mundo do xornalismo.

O presidente do Goberno autonómico encomiou o papel de Maneiro no nacemento e crecemento dos medios públicos galegos e asegurou que, naquel momento, cun autogoberno galego incipiente, "Maneiro comprendeu Galicia", posto que "era necesario completar o autogoberno cuns medios públicos que emitisen en galego as 24 horas".

Para Feijóo, os medios públicos contribuíron á "construción dun país que estaba incomunicado, non só pola súa xeografía, senón porque non contaba cun medio que puidese emitir, en galego e simultaneamente, o que pasaba en Vigo ou Monterrei". A isto, segundo os asistentes no acto, contribuíu Maneiro, "un xornalista maduro que tentou mellorar os medios de comunicación e, máis concretamente, os medios públicos e que, así, realizou un servizo ao seu país".

A presidenta da AGP, María Méndez, tamén destacou a "coraxe e empuxe" de Maneiro, e estendeuno ademais a toda a profesión; uns valores cos que, afirmou, "melloraron a profesión, pero unha melloría en que hai que seguir empeñándose para aumentar o prestixio social do xornalismo".

Arturo Maneiro é doutor en Comunicación pola Universidade de Navarra e empezou a súa andaina profesional no País Vasco, onde viviu os anos máis duros do terrorismo da ETA, como redactor na 'Gaceta del Norte' de Bilbao, entre 1977 e 1981. Foi nesa época cando fundou, xunto a outros xornalistas, a axencia de noticias Vasco Press en Bilbao.

Xa en 1984 regresou a Galicia, onde desenvolveu o resto da súa carreira profesional, vinculada estreitamente a TVG e á Radio Galega, posto que en 1990 foi nomeado director de Informativos de TVG, e en 1994 asumiu a dirección da canle autonómica. Dous anos despois pasou a ser director da Radio Galega, un cargo que compaxinou con clases na Universidade de Vigo.

 

Noticias web

23/09/2021