CRTVG

Buscar

A Asemblea de Madrid acepta a disolución, pero a Mesa vai recorrer ante os tribunais

Publicado o 11/03/2021 15:37

O decreto de disolución da Asemblea de Madrid entrou en vigor este xoves. Así aparece no Diario Oficial da Comunidade. Por iso a oposición cre que non é válido, porque as mocións de censura xa estaban presentadas.

Para Pablo Gómez Perpinyà, de Más País, "por riba do estatuto de autonomía da Comunidade de Madrid non hai ninguén, tampouco Isabel Díaz Ayuso".

A mesa da Deputación Permanente vai presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid para deixar sen validez a convocatoria electoral. O executivo madrileño di que non ten percorrido porque equivalería a deixar os presidentes sen a facultade de convocar eleccións anticipadas.

Enrique Ossorio, voceiro do Goberno da Comunidade de Madrid, cre que "iso é unha 'marrullería' que se fixo e que é grave porque é cuestionar un dereito constitucional".

Rocío Monasterio di que en VOX "cremos que ese acordo está en fraude de lei e imos loitar para que a esquerda non asalte Madrid".

PSOE e Ciudadanos piden esperar a que fale a xustiza, aínda que o socialista anuncia que o luns comezará a tentear o apoio de Ciudadanos á súa moción.

O socialista Ángel Gabilondo garante que "falará con todos eles, claro que si me fío deles, débome fiar. Ciudadanos ten que facer agora un percorrido, un itinerario que o afaste de posicións vinculadas a extremismos".

César Zafra, de Ciudadanos, lamenta que "esa realidade fíxoa unha señora irresponsable que está mentindo aos madrileños e que o único que está buscando é conseguir catro ou cinco escanos máis."

Os de Inés Arrimadas non desbotan presentar tamén a súa propia moción de censura unha vez se aclare o enredo xurídico.