CRTVG

Buscar

A Arxentina prepara un endurecemento das restricións

Publicado o 07/04/2021 20:06

A segunda vaga de contaxios xa é unha realidade na Arxentina e o Goberno adoptará novas restricións, aínda que polo momento non contempla un peche total de actividades polo mal estado da economía.

Medidas localizadas, intensivas e transitorias. Esta é a receita do Goberno arxentino para frear o avance do coronavirus, que deixou máis de 80.000 novos casos na última semana.

Carla Vizzoti, ministra de Saúde, dixo que "cada caso que evitemos, cada consulta febril que evitemos vai ser moi importante para non seguir tensionando ese sistema de saúde".

Esta segunda vaga de contaxios chegou ata o propio presidente, Alberto Fernández, quen deu positivo o sábado pasado e permanece illado e asintomático. Mentres tanto, cada vez máis distritos notificaron a transmisión comunitaria da cepa de Manaos, multiplicando deste xeito os contaxios, especialmente na cidade e na provincia de Bos Aires. Ambas as dúas xurisdicións traballan para a restrición da circulación nocturna, sen prexudicar con isto as actividades comerciais.

Noticias web

07/04/2021