A Arxentina legaliza o aborto ata as 14 semanas de embarazo
O Senado da Arxentina aprobou este martes a legalización e despenalización do aborto no país, tras varias horas de debate e unha votación moi axustada na que finalmente os partidarios do proxecto de lei que permite a interrupción voluntaria do embarazo ata as 14 semanas conseguiron os apoios necesarios.
Eran necesarios a metade máis un dos votos da Cámara do Senado, e tras a confirmación do voto a favor dos senadores que se mantiñan indecisos, finalmente o proxecto de lei conseguíu 38 votos a favor, fronte a 29 en contra e unha abstención, tras unha sesión de 12 horas e durante a que miles de persoas, a favor ou en contra da lei, concentráronse nos arredores do Congreso á espera do resultado.
Nun contexto marcado pola polarización entre partidarios e detractores desta lei que permite o aborto, as 'verdes' e as 'celestes' encheron as rúas arxentinas á espera da votación desta tan anticipada legalización proposta polo presidente, Alberto Fernández, e que era un reclamo histórico dos colectivos feministas.
O texto, que xa fora aprobado polos Deputados o 11 de decembro pasado, recibiu os votos a favor de 38 senadores, 29 en contra e unha abstención
Na rúa comezou a celebración: a multitudinaria marea verde que se agolpaba nas inmediacións do Congreso tivo unha longa noite para festexar. Tamén o oficialismo ten un motivo de alegría, xa que cumpre cunha das súas principais promesas. Con esta lei o presidente e o Goberno buscan protexer a saúde da muller.
"A legalización do aborto salva vidas de mulleres e preserva as súas capacidades reproductivas, moitas veces afectadas por eses abortos inseguros", di Alberto Fernández, presidente da Arxentina
O proxecto representa un forte cambio respecto da situación actual -en que só se permite abortar legalmente se a muller sufriu unha violación ou corre perigo a súa vida- e autoriza a obxección de conciencia dos facultativos que non queiran participar do aborto, pero sempre que deriven con rapidez as pacientes a outros profesionais que o leven a cabo.