Arxentina está xa nos cuartos de final da Copa América tras derrotar a Paraguai, e Uruguai e Chile empatan a uns
Arxentina avanza con paso firme pero sen alardes na Copa América. A sempre correúda Paraguai duroulle algo menos de dez minutos, os que tardou Di María en atopar o Papu Gómez só na área charrúa. "Merecemos a vitoria, buscámola durante todo o partido, tivemos moitas ocasións, só puidemos converter unha pero coido que fixemos un partido espectacular", sinalou o xogador do París Saint Germain.
Dende o lado paraguaio Berizzo, o seleccionador, tamén ofreceu a súa versión do gol: "Pola dereita sobre todo, Di María co seu lateral tiveron tempo dabondo para elixiren o pase; el creou unha situación máis de media distancia, atopou a Gómez e marcáronnos".
Arxentina está xa nos cuartos de final, é líder e segue imbatida. Scaloni fixo unha rotación masiva da que excluíu, como non, a Messi, e así o explicou: "A realidade é que el vén xogando todos os partidos e é moi difícil non contar con el, sinceramente; mesmo canso, segue a marcar as diferenzas".
O Chile-Uruguai presentábase como un duelo entre Suárez e Vidal, dous guerreiros que se despediron lembrando as patadas que se deron. Logo da polémica que rodeou a selección de Martín Lasarte pola entrada de seis mulleres e un barbeiro no hotel de concentración, quixeron reivindicarse e adiantáronse no tanteador ante unha selección uruguaia que acumula talento no ataque pero á que sorprendentemente lle custa un mundo marcar. Foi Luis Suárez quen rompeu a seca co gol do empate. "Creamos situacións, temos que estar satisfeitos co xogo do equipo, pero sabemos que tamén hai cousas que mellorar", recoñeceu o dianteiro atlético.