CRTVG

Buscar

Arxentina, campioa da Copa América

Publicado o 12/07/2021 10:37

Messi xa ten o gran título coa súa selección que lle faltaba

No histórico Maracaná, en Río, o fútbol volveunos amosar que as finais son un xogo de sorrisos e bágoas. Os sorrisos de Messi e todos os arxentinos e as bágoas... As bágoas incontibles do Brasil, de Neymar... A unha ducia de metros. Como dúas realidades distintas...

Nin o "sintoo" do adestrador rival, nin a aperta do amigo achegan alivio. Esa foi a imaxe desta Copa América. A Copa América de Messi, así quedará e non polo que fixo na final, senón porque lle serviu pra levantar o primeiro título coa selección e poñer buceira a todos os que atopaban aí excusa pra descabalgalo na carreira por ser o mellor xogador da historia.

Arxentina gañou e fixoo nun partido rácano en que soubo rendibilizar un erro estrepitoso de Renan Lodi. Minuto 22. O lateral papou o envio de De Paul que aproveitou Di María. O eterno Di María, o fideo, cuestionado e rosarino coma Messi... Na segunda parte mellorou Brasil, sobre todo grazas á aportación de Richarlison desde a dereita. Pero aí xurdiou salvador Dibu. Primeiro ante o propio Richarlison e logo para sacar o remate de Gabi. Brasil acosou e Arxentina resistíu, pechada.

Mais, no medio do asedio, a albiceleste encontrou unha contra nos minutos finais pra pechar a incerteza. O destino e De Paul puxéronlla nos pés a Messi. Para rubricar o triunfo e axigantar a súa lenda. Mais Messi, o Mesi máis emocional que se lembra, abaneouse e caeu. Foi o preludio da celebración da Copa América de Messi. Mais tamén engadiremos da Copa América dun tipo humilde do lugar arxentino de Pujato, que consumou o soño da Liga e Copa co Deportivo e que agora acaba de levantar título coa súa selección: Scaloni.   

Noticias web

12/07/2021