A Arxentina amplía as restricións ante o avance da covid-19 no país
Na Arxentina, o Goberno nacional estendeu as medidas de illamento ata o vindeiro 8 de novembro. O país austral é o sétimo do mundo por número de contaxios e está a piques de superar as 30.000 mortes pola covid-19.
Unha economía afundida, indicadores sociais críticos e un horizonte sanitario moi incerto. Este é o balance da pandemia na Arxentina, o segundo país latinoamericano máis afectado pola covid-19.
O presidente do país, Alberto Fernández, chamaba á responsabilidade para frear os contaxios. "Todos queremos que exista verán, pero para que exista verán é moi importante que nos coidemos hoxe", manifestou.
O país austral presenta dúas realidades moi diferentes. A área metropolitana de Bos Aires, que foi durante meses o epicentro do contaxio, reduciu á metade o número de positivos, mentres a pandemia segue avanzando nas provincias do interior.
Tamén preocupan o baixo número de probas PCR e a mala calidade no reconto dos casos, o que levou a Universidade de Oxford a eliminar A Arxentina da súa base de datos.