A área sanitaria de Ourense multiplica por seis os conatxios
A área sanitaria de Ourense tiña cando empezou o mes 250 contaxios. Hoxe achégase aos 1.500.
Felix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, explica que "desde que comezou o mes de xullo multiplicamos por 6 o número de casos activos e empezamos a detectar un incremento relevante no número de persoas hospitalizadas".
Cun cadro tan preocupante, desde este sábado, a hostalería pecha interiores. E as discotecas volven hibernar. "Efectos? Moitos igual pechan que non volven a abrir seguramente", conta un propietario.
Efectos tamén anímicos entre a xente. "Os ánimos están mal porque volven pechar estando xa tantísima xente vacinada", di unha señora. E outra confirma, "si que vexo que a xente está decaída".
Do interior á costa, o desacougo permanece. A traballadora dunha cafetería de Boiro conta que "en pleno mes de xullo, non temos nin as terrazas cheas". E o xerente dun hotel de Sanxenxo nota que " a vila en si se está baleirando".
E iso que Boiro, coma Sanxenxo, pese a teren incidencias superiores aos 500 casos por 100.000 habitantes, benefícianse do cambio de criterio da Xunta.
O alcalde da Pobra, Juan Piñeiro, recoñece que "nos correspondería nivel alto hai uns meses e agora mantivéronnos en nivel medio. Iso significa que a hostalería aínda pode manter a actividade en interior que é importantísimo porque senón hai negocios que teñen que pechar directamente porque non teñen terraza". "Pechar aquí 15 días é o mesmo que pechar 4 meses", conta un restaurador de Sanxenxo.
Catro praias de Sanxenxo tiveron que arriar a bandeira azul tras detectarse positivos entre os socorristas. A vila, xunto a Ribadavia e Poio, está baixo vixilancia especial polo alto índice de contaxios.