CRTVG

Buscar

A área sanitaria da Coruña e Cee supera os 1.700 casos activos de coronavirus

Publicado o 18/07/2021 14:29

A área sanitaria da Coruña e Cee supera os 1.700 casos activos. Nas últimas 24 horas as probas diagnósticas detectaron 256 novas infeccións, a cifra máis alta de todas as áreas sanitarias galegas. Preocupa a taxa de positividade, que se sitúa no 9%, por riba dese limiar do 5% que fixa a OMS para considerar a pandemia controlada. Medra tamén o número de pacientes ingresados nos hospitais. 

Segundo os últimos datos facilitados polo Sergas, hai vinte e sete persoas hospitalizadas, oito delas na unidade de coidados intensivos do CHUAC. A presión hospitalaria aumenta pasesiño, a un ritmo moi diferente do das infeccións activas. A cidade da Coruña concentra ao redor do 45% dos casos de toda a área sanitaria. Aquí, a incidencia acumulada a catorce días xa supera os 300 casos por cada cen mil veciños.

Hai pouco máis dun mes, o seis de xuño, a área sanitaria sumaba 326 casos activos. Aquel día mudou a tendencia e comezou o crecemento diario de infeccións en curso. A barreira das mil superouse hai seis días.

A área coruñesa contabiliza 1.730 casos activos, unha cifra que nos devolve a finais do mes de febreiro.

Noticias web

18/07/2021