Convocadas 17.768 persoas para os cribados poboacionais da área de Vigo
O Servizo Galego de Saúde vai chamar un total de 17.768 persoas da área sanitaria de Vigo para participaren en cribados poboacionais masivos, unha estratexia que está a perder interese entre a cidadanía, como demostran as últimas cifras de participación.
Concretamente, o Sergas convocará esta semana 5.000 persoas para que pasen polos Covid-Auto dos hospitais do Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro. Ademais, estase a citar o alumnado e o persoal da Universidade de Vigo (9.600 persoas) e dalgúns centros educativos (3.168).
No campus universitario, o cribado realízase mediante unha autotoma de cuspe que deberá entregarse entre o mércores e o venres no Pavillón de Deportes de Marcosende.
Nos institutos faise toma de mostras nasofarínxeas. Este martes desprazouse un equipo sanitario ao IES Ricardo Mella, o xoves irá ao IES Valentín Paz Andrade e o venres ao IES de Teis.
Baixa participación nos cribados
Vigo é a cidade á que os expertos se dirixen nas últimas semanas para pedirlle á cidadanía precaución porque esa área sanitaria segue a empeorar, cun aumento de casos activos. Preocupa a baixa participación da poboación nos cribados masivos nalgúns concellos desta zona.
A xornada deixa de novo cifras que non dan tregua á área viguesa, cun incremento das infeccións diarias dende o pasado once de marzo. Aínda que sobe de xeito máis lento que a semana pasada, suma 28 novos positivos. Producíronse once altas e aumenta en dezaseis os casos activos, cun total de 894.
Para conseguir mudar esta tendencia, seguen os cribados masivos. Houbo campañas en distintos concellos da zona con porcentaxes moi baixas de participación. No último que se fixo en Vigo tan só acudiu o 34 por cento dos convocados e no Porriño o 19 %.
A incidencia en Vigo sitúase nos 173 casos por 100.000 habitantes. Nesta área preocupan concellos como Gondomar, cunha incidencia superior aos 200 casos, seguido de Salceda de Caselas e Nigrán.