A área de Santiago, con 813 casos activos, está pendente da reunión do comité clínico
Santiago está pendente da reunión do comité clínico desta tarde. Nas últimas 24 horas confirmáronse con probas PCR 87 novos casos de coronavirus na área sanitaria de Santiago- A Barbanza.
O número de infectados supera os 800, medio centenar máis que onte. Case a metade dos casos corresponden á capital galega, onde hai 341 contaxiados, segundo informou o Concello.
A repunta de contaxios nos últimos días mantén os concellos de Santiago, Ordes e Ames en alerta máxima.
En Ordes son 37 os infectados, 9 máis dos que se contaban o venres, e catro dos enfermos están hospitalizados.
Mentres, en Ames van a menos os casos activos. Tras rematar o cribado a case 4.000 veciños por un gromo no Milladoiro, agora hai 81 contaxiados e máis de duascentas persoas están en seguimento por contacto con positivos.
As cifras de hospitalización na área sanitaria son similares ás de onte: 47 persoas están ingresadas e sete delas precisan Coidados Intensivos. Onte pola tarde o Sergas notificou os falecementos dunha muller de 84 anos e dun home de 80 diagnosticados de coronavirus, que estaban ingresados no hospital de Santiago.