CRTVG

Buscar

A área de Pontevedra rexistra 66 dos 79 positivos procedentes de Mallorca

Publicado o 28/06/2021 15:17

Pontevedra é a cidade que máis preocupa, onde se están a seguir os datos con lupa debido ao gromo vinculado directamente coas viaxes dos estudantes a Mallorca. Dos 79 casos de toda Galicia, 66 están nesta área sanitaria, onde os cribados se ampliaron aos alumnos de cinco institutos máis.

Desde Sanidade e distintas administracións fan un chamamento para que os estudantes se acheguen ata o punto Covid para facer as probas PCR, logo de que na última xornada tan só acudiran a metade dos mozos que estaban citados.

Este é o maior gromo de toda Galicia e xa se sente no incremento do número de contaxios da área de Pontevedra, que supera os 200 casos activos, por iso o comité clínico estuda endurecer as medidas nesta zona. 

Este martes chegarán aos aeroportos galegos outros 90 estudantes procedentes de Mallorca. Todos serán cribados tras a aterraxe no propio aeroporto. Neste momento todos os folgos se centran en frear a expansión do virus e as autoridades sanitarias amplían os cribados a outros cinco institutos de Pontevedra. Animan aos mozos a realizarse as probas xa que na última xornada acudiron tan só a metade dos que estaban citados. 

Sanidade fala de gromos importados e que non estarían dentro do ámbito comunitario. Dín ademais que non se observaron as medidas mínimas de seguridade durante as viaxes á illa balear. Dos 70 contaxios vinculados con este brote en toda Galicia, 50 pertencen a área de Pontevedra, e desde o Goberno local chaman á responsabilidade. 

O gromo deixase sentir nun aumento dos contaxios na área sanitaria, que supera os 200 casos activos e acumula a maior taxa de incidencia das sete cidades galegas con 80 casos por cada cen mil habitantes. 

Noticias web

28/06/2021