CRTVG

Buscar

A área da Coruña rexistra un novo falecemento e suma 78 contaxiados máis

Publicado o 16/08/2020 14:52

Morreu unha muller de 86 anos que tiña patoloxías previas e estaba ingresada na Complexo Hospitalario da Coruña. Elévase así a cifra de falecidos desde que comezou a pandemia a 625. Sería a segunda morte esta fin de semana, tras a rexistrada onte en Pontevedra dun home de 69 anos que viaxara desde Venezuela días atrás.

O sesenta por cento de todos os casos de Galicia danse agora mesmo na área sanitaria da Coruña-Cee, onde tamén está máis do 76 por cento de todos os hospitalizados da nosa comunidade.

Segundo o Sergas, hai 78 casos activos máis ca onte. Deles, hai dous ingresados en UCI e 37 en planta. 

Segue subindo o número de casos na área sanitaria da Coruña e Cee.

A Consellería de Sanidade deu conta de 78 contaxios novos en 24 horas.

En total esta área suma 778 casos activos. Son un 60% dos rexistrados en toda Galicia.

Hai que lamentar ademais un falecemento, unha muller de 86 anos que estaba ingresada no CHUAC e que, segundo comunica Sanidade, presentaba patoloxías previas.

Aínda que a maior parte dos afectados pasan a corentena nas súas casas, tamén aumentaron os ingresos hospitalarios. Hai 39, oito máis ca no último informe, e dúas persoas entraron en coidados intensivos. Aumentan tamén os curados, con 16 altas novas.

Vemos nunha gráfica que representa os casos activos nas sete áreas sanitarias galegas como a área da Coruña volveu ás cifras do 30 de marzo.

Despois se encarreirar o primeiro gromo importante, o da Mariña, os casos na Coruña tomáronlle a dianteira ao resto. Multiplican case por seis os de Vigo e por máis de quince os de Ferrol.

Voces expertas din que o que está pasando na Coruña é máis complicado que a situación que se deu na Mariña porque hai máis poboación e porque o virus está máis disperso.

Insisten en que o fundamental é tomar conciencia e cumprir as normas.

Noticias web

16/08/2020