CRTVG

Buscar

A área da Coruña concentra a maior parte dos casos, con niveis de finais de abril

Publicado o 18/08/2020 10:11

• Tras Abegondo e Bergondo, hoxe comezan os cribados no concello da Coruña

• Nos hospitais da Coruña hai 44 persoas ingresadas das 62 hospitalizadas en Galicia

Galicia ten xa máis de 1.400 casos activos de coronavirus. A Coruña segue sendo a área sanitaria más afectada con 851 casos. Onte comezaban os cribados nos concellos da comarca coruñesa. Mentres o cámping de Muros xa recibiu autorización para abrir, detectáronse dous novos gromos en Melide, con polo menos 7 positivos. 

Comezaron nos centros de saúde de Bergondo e Abegondo o cribado de colectivos que traballan de cara ao público e por tanto están máis expostos ao coronavirus. Hoxe faranas no concello da Coruña e vanse estender a todos os municipios da comarca.

"Vin facer a proba porque traballo en Protección Civil e ademais son socorrista", explica un veciño. "Paréceme ben a iniciativa, porque somos persoal de risco e é normal que nos fagan a proba", apuntan dúas traballadoras de axuda a domicilio de Bergondo.

Os concellos fixeron a listaxe de convocados atendendo ás recomendacions do Sergas.

Alejandra Pérez Máquez, alcaldesa de Bergondo. "Insistíronnos moito en que viñesen os de axuda a domicilio, tamén traballadoras sociais, policía, taxistas"

A área sanitaria da Coruña sumou 84 novos positivos desde o domingo e xa ten 851 casos activos. E aumenta a presión hospitalaria. En centros sanitarios da cidade están 44 das 62 persoas ingresadas en toda Galicia e catro das cinco que precisan coidados intensivos na comunidade. O CHUAC xa habilitou unha terceiro espazo específico para tratar doentes de coronavirus.

Preocupa o único gromo de coronavirus nunha residencia de anciáns galega, a do centro Orpea, na Zapateira. Deron positivo oito usuarios e dous traballadores.

Na área sanitaria Santiago-A Barbanza hai 70 infectados. Ao gromo detectado hai días no cámping de Muros hai que engadir outros dous focos en Melide. Un deles, catro amigos, menores de 30 anos, e outro familiar, con tres contaxiados.

No gromo detectado no cámping, que deu sete positivos, as probas realizadas nos últimos días confirmaron que o espazo está libre de virus e xa recibiu autorización do Sergas para abrir. Todas as persoas que traballan ou veranean nel deron negativo en coronavirus.

Rosa Figueroa, xerente do cámping: "Despois de pasar uns días duros, temos unha boa noticia, que é que todas as PCR de onte, 69, deron negativas".

"Máis que preocupados, estamos atentos a un posible novo contaxio"

Na provincia de Ourense hai nestes momentos 114 casos de covid-19. O gromo do concello de Laza afecta seis persoas. Todas están illadas na casa e en seguimento médico.

Moncho Barreal, alcalde de Laza: "Do gromo non temos unha orixe coñecida en si. Agora estase a facer o rastrexo para saber con que persoas estiveron e se é necesario realizar PCR para descubrir posibles contaxiados".

Na provincia de Lugo hai en total 110 persoas con coronavirus. A área de Vigo ten 139 afectados, a de Pontevedra 70 e a de Ferrol 53.

Noticias web

18/08/2020