A apertura da Porta Santa dá inicio ás celebracións do Ano Santo 2021
Chegou o día de apertura da Porta Santa, ritual que marca o inicio dos anos xubilares. O muro non será derrubado como era tradición, para evitar danos na restaurada catedral. Tampouco haberá multitudes, coma a última vez, en 2010. O Xacobeo de entón prevíase un éxito; o de agora está cheo de incógnitas.
Ás 16:30 é a hora fixada para a apertura da Porta Santa, que dá inicio ao Ano Santo Compostelán do 2021. Será un Xacobeo marcado pola pandemia, que tamén condicionará os actos desde 31 de decembro.
No interior da basílica só estarán representantes da vida diocesana de Santiago e no claustro da catedral instaláronse unhas 70 cadeiras para que os asistentes poidan seguir o acto a través dunha pantalla.
Iso si, todos os galegos, e calquera persoa en calquera sitio do mundo, poderá ver como se abre a Porta Santa a través da Televisión de Galicia.
O acto comezará cunha procesión litúrxica que arranca na porta das Praterías e que encamiña cara á praza da Quintana, aos pés da Porta Santa.
A outra novidade é que tradicionalmente esa Porta Santa estaba tapiada por un muro que se derrubaba, pero nesta ocasión non será así para preservar o estado da catedral, logo da súa restauración. Deste xeito, o arcebispo, Xulián Barrio, unha vez lida a mensaxa do Papa, golpeará tres veces a porta cun martelo de prata e madeira, e despois será el mesmo quen a atravese por primeira vez e camiñará ata o altar maior para a celebración da misa solemne.