CRTVG

Buscar

A planta viguesa de Stellantis, a antiga PSA, propón un ERTE para 3.749 traballadores

Publicado o 25/03/2021 15:14

A planta da fábrica automobilística do grupo Stellantis, antes PSA Peugeot Citroën, propón un ERTE cunha duración de 60 días que afectaría a 3.749 traballadores, a metade do persoal da factoría, para afrontar o desabastecemento de microchips que están a afectar a produción de coches. No primeiro mes, se fose necesario aplicalo, o ERTE afectaría só 250 empregados como máximo, poñeríase en marcha tras a Semana Santa e estaría en vigor ata final de ano.

Segundo fontes implicadas na negociación do ERTE, este xoves celebrouse a primeira reunión; o encontro empezou ás 12:00 horas. A intención da empresa é pechar un acordo antes da Semana Santa. Este xoves tamén está previsto que a factoría viguesa paralice a actividade nas tres quendas do sistema M1, en que se montan o Peugeot 2008, o C−Elysée e o Peugeot 301, por problemas de subministración.

Esta parada tamén afectará o taller de baterías, aínda que este taller non traballa só para a planta de Vigo, senón que tamén prové outras fábricas do grupo. Fontes da empresa lembraron que os problemas de abastecemento se derivan da crise mundial de microchips que van integrados en diversos compoñentes dos vehículos. De feito, a factoría viguesa xa tivo que paralizar a súa produción varias veces nas últimas semanas.

A negociación do ERTE foi exposta por parte da dirección da planta para afrontar as paradas de produción, dado que "os mecanismos de flexibilidade" con que conta, bolsa de horas e días de adecuación de xornada, "iranse esgotando". A dirección da planta advertiu de que os problemas de subministración poden alongarse e non se albisca un horizonte claro acerca de cando poderá garantirse o abastecemento, polo que expuxo o ERTE para afrontar a situación.