CRTVG

Buscar

A ANPA do Courel mantén a decisión de non enviar os nenos ao colexio

Publicado o 12/01/2021 11:34
A ANPA do Courel mantén a decisión de non enviar os nenos ao colexio

Os alumnos do colexio Poeta Uxío Novoneyra, do Courel, non se van reincorporar, polo momento, ás clases, segundo informou a presidenta da ANPA, Pilar Veiga, porque as nais e pais consideran que a decisión da Consellería de Educación de suspender o prazo de presentación de ofertas para licitar as rutas de transporte escolar non implica que as súas demandas sexan aceptadas.

A Xunta de Galicia tomou esta decisión, segundo informou a propia Consellería, para analizar de forma pormenorizada as diferentes alegacións recibidas por parte de diversos colectivos implicados no proceso, entre eles os pais, co obxectivo "ofrecer o mellor servizo nun contrato que estará en vigor nos dous próximos cursos".

Pilar Veiga opina que ese "paso" por parte da Consellería de Educación busca que os pais  "acouguen" e estean "calados", pero non significa garantía algunha de que as súas demandas vaian ser finalmente escoitadas.

"Non nos sentimos seguros", dixo Pilar Veiga, porque esa decisión "non reflicte as nosas reivindicacións e non sabemos se van ser aceptadas ou non" por parte da Administración.

O que esixen os pais é "un compromiso" por parte da Consellería de Educación "onde se diga que o Courel será un lote único", de maneira que podería manter un sistema de transporte escolar similar ao actual, porque de momento "só dixo que vai revisar a nosa alegacións, pero pode revisalas e non aceptar ningunha".

Por iso, a presidenta do ANPA confirmou que os nenos non volverán a clase ata que exista ese compromiso e por tanto segue en pé a concentración convocada para mañá, mércores, 13 de xaneiro, ante a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

Segundo explicou á prensa a ANPA, ata o de agora o servizo de transporte escolar realizábano os taxistas locais -organizados en seis roteiros-, que se ocupaban de recoller aos nenos -uns trinta alumnos- nas súas respectivas aldeas e de trasladalos ao colexio.

Con todo, segundo a asociación de pais, cos cambios previstos pola Consellería de Educación, os nenos "pasaranse máis dunha hora no autobús" para chegar ao colexio e, ademais, terán que esperar polo transporte en lugares apartados en que non hai marquesiñas nin sitio para gorecerse das inclemencias do tempo.