CRTVG

Buscar

A alta velocidade Lisboa-A Coruña será o maior éxito da Eurorrexión, segundo Feijóo

Publicado o 28/07/2021 15:41
EFE

O presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo destacou este mércores en Salvaterra de Miño, durante o XII Plenario da Comunidade de Traballo de Galicia e o Norte de Portugal, o compromiso dos gobernos de España e Portugal coa alta velocidade entre Lisboa e A Coruña.

"A Eurorrexión foi capaz de persuadir os gobernos de Lisboa e Madrid de que o fundamental en materia de infraestruturas de unión entre os dous Estados é o eixo atlántico", dixo Núñez Feijóo durante o traspaso da presidencia da Comunidade de Traballo de Galicia e o Norte de Portugal.

"A constatación ferroviaria entre Lisboa-O Porto e O Porto-fronteira-Vigo-A Coruña é, sen dúbida, a maior achega desde o punto de vista de impulso político que a Eurorrexión conseguiu nos últimos anos", engadiu.

Núñez Feijóo, xunto ao presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional  do Norte  António Cunha, traspasou a presidencia rotatoria da Comunidade de Traballo de Galicia e o Norte de Portugal tras catro anos durante os que, dixo, Galicia esforzouse por consolidar un espazo útil e cheo de oportunidades.

"Traspasamos a Presidencia satisfeitos por presentar un balance frutífero en innovación, sustentabilidade e mobilidade e convencidos de que terá continuidade", dixo o presidente galego, quen destacou os 85 proxectos en execución por valor de 163 millóns de euros.

Son iniciativas que pretenden impulsar a innovación en nanotecnoloxía, envellecemento saudable, investigación de enfermidades neurolóxicas ou crecemento azul, que potencian a competitividade empresarial das pemes a través da internacionalización e a dixitalización no rural e favorecen unha Eurorrexión máis verde con iniciativas na loita contra os incendios ou a promoción do Camiño de Santiago.

Segundo Núñez Feijóo, a Eurorrexión debe seguir traballando para que o nordés trasmontano poida gozar do AVE mediante unha autovía ata a estación da Gudiña e para mellorar as estradas entre Celanova e a fronteira para reforzar a comunicación con Braga.

O presidente de Galicia referiuse ao traballo que durante estes anos se realizou para suprimir obstáculos legais e administrativos entre territorios, iniciativas de vertebración que tamén chegaron á ciencia e á cultura con programas como IACOBUS, de intercambio entre universidades e centros de investigación, ou NORTEAR, que fomenta a divulgación do patrimonio cultural e a creación artística e literaria.

Núñez Feijóo concluíu a súa alocución apostando por unha Eurorrexión máis ampla, coa suma de empresarios e universidades ás súas dinámicas; máis global e máis protagonista.

 

Noticias web

28/07/2021