A alimentación tamén entende de cambios de estación
A alimentación tamén entende de estacións. Atrás quedan as ensaladas do verán, agora no outono é tempo de fabas, de cocidos ou castañas. A medida que as temperaturas van refrescando, a culler vai cobrando peso nas nosas mesas.
"Agora vén o outono e hai que cambiar, xa non estamos no verán", di unha vendedora do mercado.
O outono trae cambios de roupa e tamén de comidas porque ademais cambian os produtos á venda nos mercados. Agora nos postos, os protagonistas son o repolo, as fabas ou os cogomelos. E tamén chegou a castaña, un dos produtos estrela do outono.
"A xente xa ten ganas de castaña, empeza a temporada para cocer, asar e ata para facer sobremesas", comentan desde un posto do mercado de abastos de Santiago.
O outro produto estrela do outono é o cocido, e é que co baixada da temperaturas xa apetece. Os seus ingredientes volven ser do máis demando no mercado.
"A partir de agora como empeza a arrefriar un pouco o tempo xa empezan os cocidos coa cacheira, o lacón, a galiña para botarlle ao cocido", "véndense máis chourizos, calquera tipo de chourizo porque préstase o tempo para un cocido, para uns feixóns, un lacón con grelos", din dúas carniceiras.
Os restaurantes tamén adaptan as súas cartas á estación. Teñen xa pratos de outono, onde non poden faltar os de culler.
"Intentamos facer pratos que sexan un pouco máis contundentes. Vén o frío, a xente agradece a culler. Esa modificación vén en base ao tempo e tamén ao produto, que é o que manda sempre", asegura a cociñeira Lucía Freitas.
A gastronomía típica de outono é a parte positiva de deixar atrás o verán.