CRTVG

Buscar

A alerta dunha veciña impide que rouben o valado dun colexio de Poio

Publicado o 20/02/2020 13:32

O valado do colexio de Lourido está completo, pero o martes á mañá apareceu sen seis tramos, en total quince metros sen cerramento. Cren que polo menos foron dous os individuos que estaban a desmontar e transportar as pezas, para vendelas ou reutilizalas. Unha veciña viu a faena nocturna e a chegada da policía obrigounos a desistir de levar os tramos de valado.

Manuel Fontán Teso, director do colexio de Lourido: "Apareceron aquí tirados dous deles, outros dous apareceron na pista polideportiva e os outros na zona de monte, preparados para marcharen con eles. Grazas á colaboración dunha veciña que oíu ruídos e viu luces nesta zona, polo que chamou a policía e evitamos que levaran estes quince metros de valado".

Os ladróns fixeron os cortes certeiros para desenganchalas e para poder aproveitalas noutro lugar. Segundo o director, a recuperación das pezas e a inmediata recolocación por operarios do concello de Poio propiciou que a actividade do centro non estivera afectada e os cativos desfrutaron do recreo con normalidade.

O director do colexio de Lourido explica que "esta é unha zona de monte. E temos 202 rapaces de 3 a 11 anos e esta zona ten que estar pechada".

Lembra Fontán que xa o ano pasado levaran un anaco de valado da zona dianteira, pero o de agora sería máis que aquilo.

Noticias web

20/02/2020