CRTVG

Buscar

A alcaldesa da Coruña destitúe do Goberno a secretaria local do PSOE

Publicado o 10/11/2020 22:12
A alcaldesa da Coruña destitúe do Goberno a secretaria local do PSOE

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destituíu do Goberno local a ata agora edil de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón, tamén secretaria xeral do PSOE da cidade. Fontes do Goberno municipal aseguran que a destitución responde á "nula" dedicación de Acón ás tarefas do Goberno local.

Deste xeito, estas fontes municipais xustifican a destitución ao criticar que, "a estas alturas do ano", a súa concellería ten unha execución orzamentaria do "16%", o que fai "insustentable" que siga ocupando responsabilidades de goberno, "cunha dedicación exclusiva de 59.400 euros".

Así, cargan contra o "absentismo laboral continuado" de Martínez Acón, á que acusan de "falta de lealdade á alcaldesa" e de "non respectar os acordos maioritarios do grupo municipal socialista" e ter "unha actitude obstrucionista".

En cambio, a secretaria local do PSOE coruñés remitiu unha carta á militancia en que sostén que a decisión se debe a que reclamou "as achegas que o grupo municipal socialista e algúns concelleiros deben ao partido", cuxa agrupación local coruñesa vive "unha situación económica crítica" que lle impediu, entre outras cuestións, pagar o alugueiro da súa sede durante varios meses.