A adaptación á pandemia na CRTVG
O comezo da pandemia marcou un antes e un despois no xeito de traballar, un virus descoñecido que nos puxo en alerta.
"A mediados de xaneiro xa se empezaba a falar, o 6 de febreiro xa se publicaba a primeira ficha na Intranet. A partir de aí foi unha voráxine", asegura Manuel Casás, responsable de Seguridade e Saúde da CRTVG.
A paisaxe da compañía mudou. Apareceron os controis nos accesos, as pantallas protectoras nas redaccións, as máscaras, as luvas, as limpezas exhaustivas.
"Montáronse quendas de limpezas exhaustivas de pasamáns, pomos, portas, limpeza no cambio de quenda, limpeza dos coches. Instalamos uns paneis para separar o de adiante e o de atrás", explica.
Eses coches converteronse en miniredaccións coas que percorremos Galicia en equipos estancos compostos por reporteiros gráficos e xornalistas.
"Non podiamos saír destas catro paredes do coche, montabamos as pezas no coche, faciamos as esperas dos directos no coche, non podiamos estar en contacto con ninguén, todo estaba pechado, as rúas estaban baleiras", lembra Xulia Piñeiro, reporteira da TVG.
Os que nos contaban o que pasaba desde o estudip foron rotando por seguridade, tamén aprenderon a maquillarse.
"As primeiras medidas foron facer un kit para cada presentador, que antes non o tiñamos, e comezaron a maquillarse eles baixo as nosas directrices", conta Geli Lorenzo, maquilladora na TVG.
Coñecemos o teletraballo. "O confinamento obrigounos a cambiar o noso xeito de traballar, facer entrevistas a través de videochamada, crear novos formatos para comunicarnos coa nosa audiencia", asegura Carlos Amado, presentador da TVG.
Cambios que mudaron o xeito de traballar, pero que nos mantiveron entrando día tras día nas súas casas.