CRTVG

Buscar

A acusada de abusos e agresión sexual a sete asistentas acepta nove anos de prisión

Publicado o 13/04/2021 14:32

A muller de Vigo acusada de abuso sexual, agresión sexual, coaccións, tráfico de seres humanos e explotación laboral a sete mulleres de América Latina aceptou cumprir nove anos de cárcere para evitar o xuízo en que a Fiscalía tiña previsto pedir 37 anos de prisión.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ambas as dúas partes chegaron a un acordo antes da vista oral que se ía celebra entre o martes e o mércores na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

A condenada aceptou un ano de cárcere por cada un dos cinco delitos de abuso sexual, cinco meses polo de agresión sexual, tres meses polo de coaccións, tres anos polo de tráfico de persoas e catro meses polo de explotación laboral.

Tamén asumiu pagar unha multa de 180 euros polo delito leve de maltrato e, en concepto de responsabilidade civil, unha indemnización de 1.000 euros para cada unha das cinco vítimas de abuso sexual e outra de 6.000 para as dúas vítimas de agresión sexual. 

Mulleres vulnerables

Segundo a avogada de tres das vítimas, Ana García Costas: "A acusada quedaba con elas na rúa, levábaas á casa e alí eran sometidas, baixo a escusa de que era un requisito para empezar a traballar na súa casa, a unha situación de agresión sexual".

Baixo a escusa de que era médico e que tiña que facerlles unha revisión xinecolóxica, o home abusou das seis mulleres. Facíanlles tocamentos e obrigábanas a traballar en tanga ou espidas ou a comer con eles sen roupa. Ela dáballes a firmar un documento que resultou ser unha proba clave no xuízo.

"A todos nos pode parecer unha situación surrealista, que darías a volta e fuxirías", di a avogada, "pero elas, tristemente, sométense, e a partir de aí entran nunha situación de angustia, de terror, de que vai pasar?. Que unhas prolongaron porque unha delas concretamente estivo varios días, outra un pouco menos, porque fuxiu e foi a que puxo a denuncia, e algunhas, ante a estrañeza da situación da primeira entrevista, con determinadas escusas, non volveron á casa malia que foron chamadas en reiteradas ocasións para que volvesen".

Os feitos que se ían xulgar a partir de mañá tiveron lugar entre marzo e outubro de 2019 en Vigo. Nesas datas, a acusada e a súa parella sentimental conseguiron captar a atención de, polo menos, sete mulleres procedentes de Nicaragua, Guatemala e Colombia, a través de anuncios na Rede.

Segundo explica o TSXG, todas eran mulleres con gran necesidade económica, vulnerables, sen arraigamento nin apoio en España, en situación de estadía ou de ilegalidade ás que a parella atraeu co pretexto de ofrecerlles traballo doméstico na casa.

Tras gañaren a súa confianza para que acudisen ao domicilio, creaban un clima de temor e angustia para dobregar a vontade das vítimas e perpetrar contra elas actos de natureza sexual e impoñerlles condicións de traballo que atentaban contra os seus dereitos laborais e contra a súa liberdade.

Como consecuencia destes feitos, polo menos dúas das vítimas sofren secuelas de trastorno de estrés postraumático de carácter moderado, precisaron de tratamento psicolóxico e necesitarán de seguimento facultativo e tratamento farmacolóxico.