A acusación particular pide no TSXG que se aplique agravante de asañamento para o home que matou a sogra
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolleu esta mañá a vista de apelación do home que foi condenado a vinte anos de cadea por matar a súa sogra, no barrio coruñés de Monte Alto, en agosto de 2017.
A acusacuión particular pide que se lle aplique a agravante de asañamento, o que supón un incremento de cinco anos de prisión na condena. Pola súa banda, a defensa solicita unha atenuante, eximente completa, por drogadicción e trastorno de personalidade, para que se lle rebaixe a condena.
Jorge Marcial Mariñas volveu sentar no banco dos acusados. Foi condenado pola Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a vinte anos de cadea por asasinar a súa sogra, de 73 anos, e, acto seguido, fuxir coa súa filla de 21 meses ata que lograron prendelo nun hostal do concello de Culleredo.
A acusación particular interpuxo o recurso de apelación contra esta sentenza. Pide que se lle aplique a agravante de asañamento, o que supón un incremento de cinco anos de cadea na condena.
Amais, explica que non está de acordo coa atenuante de confesión que se lle aplicou na sentenza porque di que o condenado só se limitou a contar que agredira a sogra.
Pola súa banda, a defensa pide que se lle aplique a atenuante eximente completa por drogadicción con dependencia grave e prolongada no tempo e trastorno de personalidade con trazos antisociais.
Agora é o alto tribunal galego quen ten que decidir.