CRTVG

Buscar

A actividade na zona vella de Santiago baixa a mínimos en xaneiro e febreiro

Publicado o 31/01/2020 14:40

A zona vella de Santiago vive en xaneiro o período de menos trafega turística e, como os residentes van a menos nesa área, este mes empeza a resultar excesivamente pobre en movemento de persoas. Quen mellor o saben son os comerciantes. De feito, abundan os que aproveitan e pechan para coller vacacións. Aquí o trío de peores meses complétano febreiro e novembro.

"Podemos falar dunha caída do 80 por cento máis ou menos", di Santiago desde a súa tenda de recordos nos baixos da catedral e engade: "Eu teño esta tenda mais outra enfronte e tamén aproveitamos para rotar o persoal e darlle vacacións".
Pepe, fala desde o seu negocio na Rúa do Vilar e di que "Ao mellor o que fai falla é apoio das administracións para atraer con outro tipo de cousas que non sexa só sol e praia. Porque os turistas móvense por todos os lados tamén en inverno. Curiosamente aquí non veñen. Algo pasará".

"Si", reafirma Santiago, que ten un restaurante e hospedería moi preto da Oficina do Peregrino e engade, "habería que ofertar algo distinto ao clásico de Santiago para atraer turismo nestes meses, claro porque canto a peregrinos tamén son meses baixos".

Tanto que ata hai albergues pechados, tamén pola ruta máis concorrida do Camiño Francés, polo que nos contan peregrinos que chegaban esta mañá a Compostela.

Entre os poucos visitantes, un procedente de Alemaña para quen o mellor é a paisaxe e a paisanaxe galegas en todo tempo.
"A xente de Galicia é encantadora", di en inglés o visitante.

Tres peregrinos que camiñan xuntos din: "Por case todos os sitios que paramos había moitos hoteis e pensións que estaban pechados por vacacións, dicían".

"Eliximos este mes porque a situación nolo permite, pois o meu compañeiro está de mes libre e é o que tiñamos que aproveitar. E aí andamos facendo o Camiño"

"Cada época ten o seu. Neste tempo está ben, porque estás só e vas nas túas cousas. En verán isto é unha romaría".
A estatística indica que en xaneiro do 18 recolleron a credencial do Camiño unha media diaria de case 55 peregrinos. Segundo os datos oficiais, iso é o dobre dos que chegaban oito anos antes.
 

Noticias web

31/01/2020