8.200 persoas citadas para recibir a súa segunda dose en Vigo
Avanza a vacinación no tramo de idade comprendido entre os 50 e os 59 anos. Este domingo neste recinto feiral de Vigo, están citadas unhas 8.200 persoas, para recibir a súa segunda dose.
E con esta segunda dose completan a pauta de vacinación. Ledicia por un lado por esa ansiada inmunización, pero tamén prudencia.
Durante a espera, moitos aproveitan para descargar o certificado dixital que acredita a súa vacinación fronte á covid, o que facilitará a mobilidade por países da UE.
Remata así unha semana de vacinación na que foron citadas no IFEVI un total de 62.000 persoas de toda a área sanitaria de Vigo.
A vindeira semana rematarase coas primeiras doses nas persoas de 40 a 49 e na fin de semana comezarase co seguinte tramo de idade. Este recinto feiral baixará o ritmo de vacinación pero incorporará o hospital Álvaro Cunqueiro. O motivo, a celebración do Salón do Automóbil nun dos seus pavillóns.