CRTVG

Buscar

637 falecidos en España nas últimas 24 horas, a cifra máis baixa desde o 24 de marzo

Publicado o 06/04/2020 20:21

• O número total de falecidos é de 13.055 en España.

• O número de contaxios crece un 3,2%, a porcentaxe máis baixa dos últimos 10 días

• O Goberno anuncia tests masivos

O número de falecidos en España desde que comezou a pandemia do coronavirus lévase a 13.055, coas 637 vítimas das últimas 24 horas. Unha cifra elevada que, con todo, confirma unha tendencia á baixa, a cifra máis baixa desde o 24 de marzo, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Santidade.

Os últimos datos de Sanidade informan tamén informan de que número de persoas que neste momento están ingresadas na UCI é de 6.931, e que máis de 60.000 están hospitalizadas. Canto ao número total de persoas que deron positivo en coronavirus en España son oficialmente 135.032.

O dato positivo, amais da tendencia á baixa do número de mortes e da porcentaxe de contaxio, é que 40.437 persoas xa están curadas.

As comunidades autónomas máis afectadas seguen sendo Madrid, con 38.723 positivos en COVID-19;Cataluña, con 26.824, e xa afastadas Castela-A Mancha, con 10.602 persoas contaxiadas, e Castelae León, con 9.116. A comunidade menos afectada segue sendo Murcia, con 1.259 contaxios. E moi afastadas en positivos, as cidades autónomas de Melilla, con 86 casos, e Ceuta, con 83.

O Goberno prevé tests masivos

Os datos volven dar un respiro. Hai que remontarse ao 23 de marzo para dar con cifras diarias tan baixas, tanto no número de mortes como de contaxios. Podería deberse ao atraso nas notificacións propio da fin de semana ou a que mesmo os expertos empezan a ver a luz ao final do túnel

A directora adxunta do Centro de Alarmas e Emerxencias sanitarias, María José Sierra, asegura que a evolución da pandemia está decrecendo en quince comunidades autónomas

Todas  agás Castela-A Mancha e Cataluña, confirman que os contaxios que causa unha persoa infectada están por debaixo de 1. O obxectivo, esta semana, é consolidar a ralentización con dúas novas estratexias.

"A primeira, di Sierra, é a detección precoz dos infectados. A segunda, comprobar cómo se moveu o virus, e a qué persoas contaxiou"

Para conseguilo, preténdese facer tests masivos ao persoal esencial, como empregados das residencias de anciáns, transportistas ou persoal de supermercados, e preparar infraestruturas para illar os positivos e evitar que contaxien as persoas próximas.