60 anos da fazaña de Gagarin, o primeiro humano en viaxar ao espazo
Un orgullo imperecedoiro para Rusia e un cambio na historia universal. O primeiro humano que viaxou ao espazo.
Antes foron as cadelas Belka e Strelka (Branquiña e Frechiña) os primeiros seres vivos en visitalo e volver con vida.
Despois chegou o home, chegou o momento. 12 de abril de 1961. Yuri Gagarin. De camiño ao foguete o cosmonauta ía firmando autógrafos.
A el escribíronlle no casco CCCP, por se aterraba noutro país. Dubidaban, loxicamente, da técnica; dubidaban de se a súa cabeza resistiría. Os soviéticos tiñan preparadas tres versións oficiais, polo que puidese ocorrer.
Gagarin deu a volta arredor da Terra. Na ingravidez fixo experimentos: beber, comer, escribir cun lapis. Foron 108 minutos que ninguén vivira antes.
Cando aterrou, as primeiras persoas que o viron foron unha nena e a súa avoa, que andaban ás patacas. Non sabían de cosmonauta ningún porque vivían sen luz e sen radio. Tamén elas se fixeron célebres.
En plena Guerra Fría, en plena carreira espacial, o Kremlin golpeaba primeiro.
Yuri Gagarin morreu sete anos despois.