O Sergas marca o reto de repescar non vacinados para incrementar a inmunidade colectiva
Sanidade oferta esta semana outras 50.000 citas para a vacinación. Son para a repesca das máis de 200.000 persoas que foran convocadas e, pola razón que sexa, non acudiron no seu día a vacinarse. Segundo os datos actualizados polo Sergas, máis de 2.108.000 galegos xa teñen a pauta completa. Representan o 86 % da poboación diana, os maiores de 12 anos, e o 80 % da poboación total.
Mentres a vacinación avanza, baixa a quinta onda da pandemia: redúcese o ritmo diario dos contaxios, menos de 200 por primeira vez desde hai máis de dous meses, e diminúen os casos activos en todas as áreas sanitarias. Aínda que aumentou o número de hospitalizados e tamén segue aumentando a cifra de falecidos.
Nas últimas horas detectouse un gromo na residencia DomusVi de Monforte. Hai 34 usuarios e dous traballadores contaxiados. Segundo a Consellería de Poítica Social, todos os casos son leves ou asintomáticos.